Xose Anxo Laxe
(Mini-MP3-Player v2 ©Ute Jacobi)
Programa de Goberno

O BNG PRESENTA UN PROGRAMA "PARA CUMPRIR" 

  • Laxe durante a presentación do Programa de GobernoPropón aproveitar a chegada do AVE a Lugo para facer unha profunda remodelación urbana que contemple o traslado da vía férrea e a construción dunha estación intermodal no Ceao

  • O BNG modificará o PXOM e destinará o 25% dos aproveitamentos urbanísticos que corresponden ao Concello a un parque municipal de vivendas en réxime de aluguer para mozos

O Bloque Nacionalista Galego presenta un Programa de Goberno que é un contrato cos cidadáns de Lugo para os vindeiros catro anos. Xosé Anxo Laxe deixou claro no acto de presentación do programa o pasado 14 de abril que é un programa "para cumprir”. "É un programa realista feito polos cidadáns e para os cidadáns", afirmou Laxe, que pediu “feitos” e “non máis populismo, propaganda, promesas incumpridas e vanidades”. Laxe detallou, acompañado de todos os membros da súa candidatura, as liñas de actuación do BNG no próximo mandato para “transformar Lugo nunha cidade aberta, activa, dinámica e participativa”.

No seu Programa de Goberno o BNG aposta por “trasladar a vía do ferrocarril e construir unha estación intermodal no Ceao conectada co centro mediante transporte público cada 15 minutos”. O candidato nacionalista afirmou que “a chegada do AVE é unha oportunidade que Lugo ten que aproveitar para acometar unha profunda remodelación urbana” eliminando a “barreira física” que supón o actual trazado da vía do tren, que atravesa a cidade de norte a sur impedindo o desenvolvemento de barrios como Albeiros, As Gándaras, Paradai ou o Sagrado Corazón. A proposta do BNG é levar a vía do ferrocarril paralela á autovía A-6 ata o Ceao, onde se construiría unha estación intermodal conectada co centro cada 15 minutos mediante transporte público e a onde se trasladaría tamén a estación de autobuses. Isto permitiría ademais resolver moitos dos problemas de tráfico que ten hoxe a cidade ao permitir conectar o Plan Paradai con Fontiñas e facer unha nova conexión para a entrada por Carlos Azcárraga.

Xosé Anxo Laxe anunciou ademais que “o primeiro que o BNG vai facer ao chegar ao Goberno é modificar o Plan Xeral” para “poñelo ao servizo dos veciños” e convertelo nun documento “real e non especulativo”. Anunciou que será o Concello quen lidere o urbanismo e non a iniciativa privada e comprometeuse a destinar o 25% dos aproveitamentos urbanísticos a crear un parque municipal de vivendas en réxime de aluguer para mozos menores de 35 anos.

O BNG propón ademais recuperar Frigsa para usos culturais e deportivos trasladando as naves municipais do parque móbil, dos servizos electromecánicos e de augas ao polígono industrial das Gándaras para liberar ese espazo para a Casa das Asociacións, a Casa do Deporte e para as Escolas Municipais de Teatro e da Maxia.

No eido económico, os nacionalistas destacan a posta en marcha do Polígono das Gándaras e a aposta por converter Lugo nun referente turístico sobre o mundo romano creando un circuito de achádegos arqueolóxicos e construíndo un Museo Nacional da Romanización de referencia para toda Galicia.

Entre as propostas do BNG está tamén a peonalización total do casco histórico nos próximos catro anos e a recuparación social e ambiental do río Miño mediante a creación dun Centro de Interpretación do Miño. Xosé Anxo Laxe destacou que “o Miño é un sinal de identidade de Lugo igual que a muralla e Lugo non pode seguir vivindo por máis tempo de costas ao rio”.

Laxe comprometeuse tamén a “rematar coas desigualdades entre a zona rural e a zona urbana do concello” incrementando a dotación orzamentaria destinada ás parroquias “para que non haxa veciños de primeira e veciños de segunda”. Ao mesmo tempo, o BNG defende que o vello hospital se manteña “exclusivamente” para uso público e propón construír nese espazo un centro social para toda a zona de Lamas de Prado e infraestruturas deportivas.

Liga interparroquial de deportes tradicionais
Antes da intervención de Xosé Anxo Laxe, outros membros da candidatura do BNG detallaron máis polo miúdo as propostas nacionalistas en cada unha das áreas de Goberno. Román Sánchez Besteiro, o máis novo da candidatura, que aínda non cumpriu os 18 anos, encargouse das áreas de mocidade e deporte. Explicou que o BNG creará o Consello Municipal da Mocidade e elaborará un Plan de Emprego Xuvenil e que en materia de deporte propón crear unha Liga Interparroquial de deportes tradicionais e convencionais na zona rural, así como a construción dun polideportivo en San Fiz e dunha terceira piscina climatizada en Abella.

Creación da Empresa Municipal de Turismo
Xosé Chorén, actual director da oficina de Correos da Milagrosa e número cinco da candidatura, encargouse das propostas en materia de emprego, desenvolvemento económico e medio ambiente. O BNG propón unha nova planificación no Centro de Empresas de Garabolos para que sirva aos emprendedores de Lugo e crear un Centro de Emprego, a potenciación da Praza de Abastos, o apoio ao comercio local e a creación dunha Empresa Municipal de Turismo. En materia de medio ambiente o BNG construirá a pranta de compostaxe e introducirá enerxías renovables nos edificios municipais.

Café do Alzheimer
A enfermeira Cristina Fereiro, número catro da candidatura, detallou as propostas en materia de servizos sociais, participación cidadá e servizos públicos. O BNG defende “un Concello transparente e achegado aos cidadáns” mediante a aprobación dun novo Regulamento de Participación Cidadá. No programa nacionalista figura tamén aproveitar as escolas rurais para crear unha rede de locais socioculturais nas parroquias con actividade continuada, uns servizos sociais integrais colaborando e cooperando coa Vicepresidencia da Xunta, un Plan de Actuación específico para Lamas de Prado e a creación dun Café do Alzheimer no que os familiares e enfermos con esta doenza poderían intercambiar experiencias e recibir formación e atención por parte de persoal especializado. .

Aparcadoiros en altura en barrios saturados
Paz Abraira, número tres da candidatura, expuxo as propostas en materia de urbanismo e infraestruturas. Defendeu “unha política urbanística sustentable e que garanta o equilibrio territorial” e dixo que “Lugo non pode agardar a que dende Madrid se planifiquen as infraestruturas que aquí precisamos, como a ponte sobre o Miño ou o Ave, sen que o Concello diga nada”. O BNG propón elaborar un Plan Director de Tráfico, crear aparcadoiros en altura nos barrios máis saturados e reformar o sistema O.R.A. para que a primeira media hora sexa gratis. Tamén, elaborar un proxecto unitario para o centro que coordine todas as actuacións que se acometan no casco histórico e establecer un convenio coa Consellería de Vivenda para a rehabilitación de vivendas nos barrios e a creación de vivenda pública por toda a cidade para as persoas con menos ingresos.

 Traslado da Policía Local a Garabolos
O actual portavoz do BNG na Deputación e número dous da candidatura, Antón Bao, encargouse das áreas de ensino e cultura. Bao explicou que o BNG defende que en San Fernando se faga un auditorio que respecte a muralla e o entorno e trasladar a Policía Local a Garabolos para liberar o cárcere vello e destinalo a fins culturais e turísticos. Tamén anunciou que o BNG defenderá e impulsará dende o Concello o idioma galego “sen vergoñas nin complexos” e que pulará por crear en Lugo un centro da UNED.

Pincha aquí

"Reproducir sonido"

para escoitar a Laxe
Descargar programa de goberno



Fase de elaboración e propostas sectoriais ...  

Descarga o Programa de Goberno do BNG ...  

 
© 2010 xoseanxolaxe.com
BNG-Lugo: Rúa Miguel de Cervantes 34 entrechán - Tel: 982 28 04 10
Esta páxina foi feita con Joomla!, software libre baixo licencia GNU/GPL.