Xose Anxo Laxe
Imprimir Correo-e

experiencia e compromiso

Laxe na praza maior

Candidato á alcaldía de Lugo polo Bloque Nacionalista Galego, Xosé Anxo Laxe Suárez, ten unha amplia e contrastada experiencia no Concello de Lugo, onde entrou como representante do BNG no ano 1997.

Dende o ano 1999 a 2003, durante o Goberno de coalición que formaron o BNG e o PSOE,  foi Concelleiro de Transportes. A el se debe a remodelación no transporte público acometida no anterior mandato e que situou o bus urbano de Lugo a niveis de calidade europeos perdidos xa a día de hoxe.

Na actualidade é o voceiro municipal do BNG no Concello de Lugo e ocúpase tamén das áreas de Economía, Transporte, Persoal, Zona Rural e Deportes. Xosé Anxo Laxe ten feito ademais un importante traballo en relación ao Plan Xeral de Ordenación Municipal, explicando aos veciños polos distintos barrios e parroquias o contido do plan urbanístico proposto e presentando máis de 100 alegacións ao documento.

Aínda que naceu en Outeiro de Rei (1954), pasou toda a súa infancia e mocidade vinculado ao barrio da Milagrosa, onde seu pai era traballador da vella Frigsa. Hoxe segue vivindo no barrio. Está casado e ten dous fillos e unha filla. É funcionario da Seguridade Social e firme defensor dos servizos públicos.

Aficionado ao deporte e vinculado a diversos clubes de fútbol da cidade dende cativo, bo coñecedor da realidade luguesa e persoa preocupada polos problemas sociais e o medio ambiente, Xosé Anxo Laxe é afable no trato persoal mais ao mesmo tempo serio e riguroso no traballo e directo na fala.

É membro do Consello Local do BNG, vocal do Padroado da Fundación de Feiras e Exposicións de Lugo, patrono da Fundación San Calixto e membro do Consello de Administración da empresa municipal do solo (Evislusa).

Afiliado da CIG, foi durante 16 anos representante sindical na Seguridade Social e Presidente da Xunta de Persoal da Administración do Estado en Lugo. Tamén desempeñou o cargo de Responsable de Organización do BNG na Comarca.

Xosé Anxo Laxe afronta as vindeiras eleccións convencido de que o BNG será determinante no Goberno da cidade.

Coñece máis sobre a súa traxectoria...


 
 
© 2010 xoseanxolaxe.com
BNG-Lugo: Rúa Miguel de Cervantes 34 entrechán - Tel: 982 28 04 10
Esta páxina foi feita con Joomla!, software libre baixo licencia GNU/GPL.